Comunicados da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA 

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA supera os 21 millóns de euros en facturación, un 66,8% máis que en 2020 e un 16,6% máis que en 2019

Silleda, 28 de decembro de 2021.-  A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España e que celebrou hoxe a última sesión do ano, pechou 2021 cunha asistencia de 45.163 reses e unha facturación de 21.235.772€. Uns datos que, aínda condicionados por diversos aspectos derivados da incidencia da covid-19 e en liña co resto de mercados nacionais, supoñen unha importante recuperación respecto a 2020 e uns datos semellantes, ou incluso mellores en canto a transaccións, en comparación con 2019.

Así, as cifras da Central situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 29,1% máis que o ano pasado, cando concorreran 34.976 reses e aproximáronse moito ás de 2019, supoñendo soamente un 2% menos, xa que ese ano asistiran 46.100 animais nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros. Un lixeiro descenso respecto a 2019 que está motivado pola continuidade da pandemia. 

En canto á facturación, supuxo un 66,8% máis que en 2020, cando alcanzara 12.724.699€. Superou tamén notablemente, nun 16,6%, os 18.199.272€ en transaccións de 2019, debido esencialmente ao aumento de asistencia e prezos en vacún maior.

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 28.656 reses, un 19,1% máis que en 2020, cando acudiran 24.043, e un 7,3% menos que en 2019, cando tiñan sido 30.938 animais. En canto ás transaccións, foron de 5.322.811€, un 25,5% máis que en 2020, cando ascenderon a 4.240.525€, e un 11,4% menos que en 2019, cando se situaran en 6.010.152€. Respecto aos seus prezos medios, nos becerros frisóns e cruzados sube en comparación con 2020 debido á mellor situación respecto á pandemia un 8,7% (de 80€ a 87€) nos primeiros e un 1,1% (de 252€ a 255€) nos segundos, pero baixan en comparación con 2019 un 3,3% (de 90€ a 87€) e un 12,6% (de 292€ a 252€) respectivamente, debido a que os cebadoiros están sufrindo unha importante subida nos prezos dos pensos, a electricidade e outras subministracións, estando unicamente na súa man regular os prezos aos que adquiren os animais, polo que reducen o prezo de compra. Uns baixos prezos que tamén inflúen na menor asistencia referida anteriormente. Pola súa banda, os becerros rubios aumentaron a súa cotización un 13,8% respecto a 2020 (de 332€ a 378€) e un 9,5% en canto a 2019 (de 345€ a 378€), xa que a calidade destes animais sigue sendo valorada e supón unha vantaxe fronte ás outras razas.

No que se refire ao vacún maior, rexistráronse durante 2021 un total de 11.650 exemplares, un 65% máis que en 2020, cando foron 7.060 exemplares e un 17,8% máis que en 2019 cando concorreran 9.888.  A súa facturación foi un 113,6% maior que en 2020, ao pasar dos 5.772.236€ de entón aos 12.331.849€ deste ano e tamén un 48,3% maior que en 2019, cando tiñan sido 8.313.009€. Este aumento tanto na asistencia como na facturación débese a varios factores. O primeiro deles, o traballo que vén realizando a Central dende fai anos coa axuda dos servizos veterinarios para que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, evitando así a estes animais de maior idade traxectos que inflúen no seu benestar e conseguindo tamén eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co conseguinte aumento de prezos medios. O segundo, que este incremento da calidade atraeu a novos compradores, os cales contribuíron a aumentar os prezos pola maior demanda e, consecuentemente, atraeu á súa vez a máis gandeiros que acoden para vender o seu vacún maior. O terceiro deles é a maior demanda que existe en restauración e hostalería de carnes maduradas por parte dos consumidores finais, ao cal tamén contribuíu o selo Vaca e Boi de Galicia. 

Por categorías, o prezo da Extra sitúase en 1.879€/unidade, o cal supón un 4,6% máis que en 2020 (cando tiña sido de 1.796€/unidade) e un 5,5% máis que en 2019 (ascendera a 1.780€/unidade), mentres que o de Primeira alcanza os 1,124€/unidade, un 3% máis que en 2020 e 2019 (os dous anos situábase nos 1.091€/unidade). En canto a Segunda, o prezo medio é de 724€/unidade, un 1,2% máis que en 2020 (fora de 715€) e un 0,27% máis que en 2019 (situábase en 722€/unidade), e respecto a Desfeito acadan os 466€/unidade, un 3,3% máis que en 2020 (entón foron de 451€/unidade) e un 2,1% máis que en 2019 (ese ano situáronse en 456€/unidade). 

En canto ao vacún maior, é ademais destacable que este ano se conseguiron tres récords históricos no prezo pagado na Central por un exemplar, situándose finalmente o máximo nos 8.579€ pagados por un exemplar de raza mestiza o pasado 16 de novembro, unha cantidade moi superior ao récord acadado o pasado ano, o cal se situara en 6.781,5€. Tamén o 16 de novembro se conseguiron marcas históricas na Central no prezo medio do vacún maior nunha sesión, con 1.332,58€, e no volume de transaccións da categoría, con 457.076€. Esta última marca contribuíu a que a Central tamén acadase ese día o seu récord no volume de facturación conxunto nunha sesión, acadando os 660.785 €.

Respecto aos becerros carniceiros, a súa asistencia situouse en 4.857 reses, aumentando un 25,4% respecto a 2020, cando tiñan acudido 3.873 exemplares, se ben respecto a 2019 descende un 7,9%, xa que entón concorreron 5.274 animais. Un descenso que se produce porque durante o peche da Central nos inicios da pandemia moitos gandeiros buscaron outras canles para dar saída aos seus animais, realizando incluso contratos con compradores, os cal supuxo un descenso de vendedores na Central que agora costa recuperar na súa totalidade, aínda que xa está a facerse.

En canto ás súas transaccións, situáronse en 3.581.112€, un 32% máis que os 2.711.938€ facturados en 2020 e un 7,6% menos que os 3.876.111€ de 2019. Por categorías, os frisóns, con pouca presenza na Central e que polo tanto inflúen pouco na media conxunta dos becerros cebados, rexistraron un prezo medio de 517€/unidade, un 44% máis que en 2020 (cando tiña sido de 359€/unidade) e un 17,5% máis que en 2019 (situouse en 440€/unidade). Pola súa banda os rubios e cruces, con maior peso na Central, situándose en 873€ e 789€ respectivamente. En canto aos primeiros, o prezo medio aumentou un 1,5% respecto a 2020 (fora de 860€/unidade) e manténdose igual que en 2019 (tamén se situaba entón en 873€), mentres que nos segundos aumentou un 2,4% respecto a 2020 (foran 770€/unidade) e diminuíu un 2,2% respecto a 2019 (foran 807€/unidade).

Importantes melloras

A Central realizou este ano importantes melloras para optimizar os resultados dos usuarios e garantir maior calidade e benestar das reses, como a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías e da transferencia como único método de pago para evitar tanto frecuentes perdas de cheques por parte dos gandeiros como o cobro de comisións cando ingresan o cheque noutra entidade distinta á que opera coa Central. 

Así mesmo, este ano seguiuse traballando na aplicación informática implantada en 2020 para ampliar as súas utilidades e que en 2022 se podan crear contas personalizadas nas que os vendedores reciban nos seus móbiles documentación de interese, como historiais de venda, e que tamén conten cun sistema máis sinxelo que o actual para aceptar ou rexeitar a venda dos seus animais. En canto ao benestar animal, leváronse a cabo diversas melloras, entre elas o incremento da calidade das “camas” das reses.


A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volveu acadar hoxe o récord histórico no prezo dun exemplar na subasta de vacún maior

Silleda, 16 de novembro de 2021.- Outra semana máis a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volve superar o seu récord histórico en canto ao prezo pagado por un exemplar na categoría de vacún maior: 8.579 €. Trátase dun exemplar procedente do concello de Arzúa, de raza mestiza, e que conta coa “Etiqueta Suprema Buey de Galicia”, sendo o seu comprador Frigoríficos Bandeira S.L.  A anterior marca rexistrada nesta categoría estaba nos 7.992 € pagado por outro boi o pasado martes.

A  mesmo,  acadou hoxe o maior volume total de transaccións da súa historia. O conxunto das diferentes poxas desta mañá sumaron 660.785 €, estando o anterior nos 617.455€ €, rexistrados o pasado 28 de setembro.
Á par do anterior récord, está tamén o de volume de transaccións na categoría de vacún maior, 457.076 € que superaron o anterior récord histórico, o cal se acadou a  semana pasada e estivo cifrado en 410.985 €. Tamén record absoluto foi hoxe o prezo medio desta categoría con 1.332,58, o cal  superou  os  1.298,87€  rexistrados
o pasado 2 de novembro.
 
Finalmente, o mercado de hoxe rexistrou o máximo anual na asistencia de vacún maior ao concorrer 374 exemplares (superando o anterior de 369 animais da semana pasada)Esta cifra supón ademais a maior dende o 30 de xuño de 2015, cando acudiran 377 exemplares á poxa de vacún maior. 

 

Estas novas marcas volven reflictir a crecente calidade dos exemplares de vacún maior que concorren semana tras semana á Centralao tempo que se enmarcan nun momento do ano no que se están a comprar os animais de vacún maior cuxa carne se consumirá en Nadal, debido ao tempo que precisan estar en cámara.

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou hoxe o récord histórico no prezo dun exemplar na subasta de vacún maior

Silleda, 2 de novembro de 2021.- A poxa de vacún maior da Central Agropecuaria de Galicia Abanca acadou hoxe o récord HISTÓRICO no prezo dun exemplar.
Foi un boi de raza cruce mestizo procedente dunha explotación do concello de Cedeira.
O exemplar, que fixo os 6 anos o pasado mes de outubro, foi adquirido por Frigoríficos Bandeira S.L en 6.879 €.
Ata o día de hoxe o récord histórico desta categoría na Central situábase nos 6.782 €, pagados tamén por Frigoríficos Bandeira S.L., o 28 de xaneiro de 2020.

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA tamén volveu rexistrar hoxe o seu récord absoluto no prezo medio do vacún maior

A sesión desta mañá chegou ao récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior. Se o pasado 26 de outubro se acadaba o maior prezo medio desta categoría con 1.295,13€, hoxe a Central situou este récord absoluto nos 1.298,87€.

Estas novas marcas reflicten a crecente calidade dos exemplares de vacún maior que concorren semana tras semana á Central.


A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volveu rexistrar o segundo mellor prezo en vacún maior

Silleda, 26 de outubro de 2021.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA segue acadando marcas e superando os seus récords na categoría de vacún maior. Así, hoxe rexistrou o segundo mellor prezo pagado na historia deste mercado por un exemplar. Trátase dun boi de raza rubia de 7 anos pertencente a unha explotación de San Sadurniño (A Coruña) que foi adquirido por 6.669€ por Frigoríficos Bandeira. Por encima desta cantidade soamente se sitúan na Central os 6.782€ acadados por outro boi o 28 de xaneiro de 2020.

Por outra banda, a Central volveu rexistrar na sesión desta mañá o seu récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior. Se a semana pasada se acadaba o maior prezo medio desta categoría con 1.245,31€, hoxe a Central situou este récord absoluto nos 1.295,13€. Esta nova marca segue a reflictir a crecente calidade dos exemplares de vacún maior que concorren a este mercado.


La Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volveu rexistrar o mellor prezo pagado na historia deste mercado por unha vaca

Silleda, 12 de outubro de 2021.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volveu rexistrar hoxe o mellor prezo pagado na historia deste mercado por unha vaca, o cal supón tamén o quinto mellor prezo pagado na Central por un exemplar de vacún maior. Faino ao superar soamente dúas semanas despois a cotización de dúas vacas que foron adquiridas o pasado 28 de setembro por 5.527€ cada unha. A de hoxe é unha vaca de raza Rubia Galega nacida en decembro de 2013 propiedade dun operador comercial de Verín (Ourense) e adquirida pola empresa portuguesa Serragados Comércio de Gado por 5.627€. Por encima desta cantidade na historia da Central soamente se sitúan os prezos pagados por catro exemplares, todos bois, os cales acadaron 6.782€, 6.006€, 6.001€ e 5.932€.


A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA volve a conseguir marcas en transaccións, asistencia e prezos máximos

Silleda, 28 de setembro de 2021.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou hoxe dous récords históricos en transaccións.  Así, a facturación total da poxa ascendeu a 617.455€, superando os 553.851€ que supoñían ata agora o récord absoluto e que foran rexistrados o 26 de xuño de 2012. Tamén superou a súa marca de facturación a categoría de vacún maior, con 394.914€ que rebasaron os 339.028€ tamén do 26 de xuño de 2012.

Así mesmo, a Central acadou hoxe varios récords anuais. Rexistrou a maior asistencia de reses do ano, con 1.214 animais que superaron os 1.113 que concurriran o pasado 14 de setembro, e de vacún maior, con 356 exemplares que rebasaron os 323 que acudirán tamén o 14 de setembro. En canto ao vacún maior, supuxo ademais a mellor asistencia e maior número de animais adxudicados desta categoría dende o 27 de xuño de 2017, cando acudiran 363 exemplares e foran adxudicados 348 (hoxe foron adxudicados 330)

Por outra banda, a Central rexistrou hoxe os dous sextos mellores prezos pagados neste mercado por un exemplar de vacún maior, os cales supoñen ademais o prezo máis alto acadado por unha vaca na Central, ao superar os 5.418€ pagados por unha vaca o 22 de xuño deste ano. Trátase de dúas vacas propiedade dun operador comercial de Maside (Ourense) e adquiridas as dúas polo matadoiro portugués Serragados polo mesmo prezo, 5.527€ cada unha.  A data de nacemento dunha delas sitúase no ano 2009 e da outra no 2011. Por encima desta cantidade soamente se sitúan os prezos pagados por outros cinco exemplares, todos bois, os cales acadaron 6.782€, 6.006€, 6001€, 5.932€ e 5.616€.


A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe varios récords absolutos e anuais


Silleda, 14 de setembro de 2021.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou esta mañá dúas marcas históricas en transaccións. Así, a facturación total da poxa acadou os 570.126€ (ata hoxe a maior facturación estaba nos 553.851€ do 26 de xuño de 2012), mentres que na categoría de vacas foi de 342.211€ (ata hoxe o récord estaba nos 339.028€, tamén do 26 de xuño de 2012).

Por outra banda, a asistencia de vacas desta mañá, con 323 animais, supuxo a mellor concurrencia desta categoría dende o ano 2017 ( o día 3 de outubro dese ano acudiran 329 animais). Así mesmo, a asistencia total á poxa foi a maior do que levamos de 2021 con 1.113 animais (superaron os 1.057 do 12 de xaneiro).


A Central Agropecuaria fará importantes melloras para optimizar os resultados dos usuarios e garantir maior calidade e benestar das reses

  • UN SEGURO DE VIDA PARA TODOS OS ANIMAIS OU A INCORPORACIÓN DE NOVOS SERVIZOS PARA OS GANDEIROS NA APLICACIÓN INFORMÁTICA DA CENTRAL SON ALGUNHAS DELAS

Silleda, 16 de febreiro de 2021.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA implantará nas próximas semanas importantes melloras orientadas tanto a optimizar os resultados que obteñen os seus usuarios no proceso de compra-venda como a garantir unha maior calidade e benestar das reses poxadas cada martes no mercado.

Un dos novos servizos, que estará operativo a partir do 2 de marzo, será a incorporación dun seguro de vida para os animais de todas as categorías, o cal se estenderá desde a saída do recinto ata o xoves desa semana ás 12.00 do mediodía, e que será custeado pola Central. Este seguro facíase necesario para que os compradores sigan acudindo ao mercado, xa que os principais compradores manifestaron reiteradamente que non é lóxico facerse cargo dos animais falecidos tanto nos traslados como nas xornadas inmediatamente posteriores por causas que puideran derivarse de circunstancias previas á compra. Coa contratación dun seguro os animais estarán cubertos, supoñendo para os compradores a seguridade de minimizar as perdas económicas se algún animal falece no período establecido, xa que o seguro farase cargo. Para os vendedores, é dicir, os gandeiros, suporá que os seus animais obteñan prezos máis altos, xa que os compradores poxarán con maior tranquilidade e á alza debido á cobertura do seguro.

Por outra banda, seguiranse ampliando os servizos que ofrece a Central a través da aplicación informática posta en marcha recentemente. Entre eles, proximamente crearanse contas personalizadas para que os vendedores reciban no móbil documentación de interese, como a opción de obter historiais de venda ou descargar os recibos da poxa. Isto sumarase aos servizos xa operativos, como a recepción das cotizacións e a posibilidade de rexeitar a venda a distancia. Se xa agora os gandeiros non necesitan desprazarse ao recinto, con estas incorporacións aínda menos, podendo dedicar o seu tempo a outros labores relacionados coas súas explotacións.

Outro novo servizo, posto en marcha recentemente para mellorar o proceso, é establecer a transferencia como único método de pago aos gandeiros. Supón tres vantaxes: elimina frecuentes extravíos de cheques por parte dos gandeiros, o que implica para eles preocupacións, xestións e mesmo que algúns cheques queden sen cobrar; o aforro das comisións cando ingresan o cheque nunha entidade bancaria distinta á que opera coa Central e a recepción do recibo de transacción antes das 14.00 h do martes en caso de ter correo electrónico.

A isto sumaranse outras melloras orientadas a aumentar o benestar animal, algunha das cales se están avaliando e outras estarán listas proximamente, como o incremento na calidade das “camas” dos animais.

Referente polo seu sistema e servizos gratuítos

A Central destaca xa fronte ao resto de mercados nacionais polas súas vantaxes para compradores e vendedores, non só por ser as únicas poxas de vacún informatizadas de España, senón por contar con algúns servizos que non contempla ou ningún ou a maioría de mercados e por ser todos gratuítos, mentres que no resto de mercados a maioría de servizos teñen custo.

En canto aos vendedores, entre as vantaxes coas que xa contan destacan a garantía de cobro debida a que a Central xestiona o proceso de venda, claridade fiscal, emisión sen custo de informes sobre vendas como faría unha xestoría, apoio administrativo gratuíto, estación de lavado cun dos prezos máis económicos e horario máis amplo debido a que non soamente está operativa o día da poxa senón toda a semana, retirada de cadáveres e asistencia veterinaria clínica sen custo ou amparo por seguro de continxencias ante calquera accidente que poidan sufrir os animais ou causar a terceiros desde a recepción do animal pola Central ata a súa entrega ao comprador, previa á recollida por parte do mesmo

Respecto aos compradores, benefícianse da claridade fiscal, posibilidade de establecer un tope no número de animais que lle son adxudicados para poder realizar compras axustadas ás súas necesidades ou a aplicación dun sistema de decomisos aos animais con destino ao matadoiro que non cumpran os requisitos para ser validados para o seu consumo humano, o cal se aplicaba ata o de agora na categoría de vacún maior e a partir do 2 de marzo farase tamén en becerros carniceiros. Así mesmo, desde hai semanas teñen a opción de poxar desde o móbil a través da aplicación da Central, o cal axiliza e facilita o proceso. Na mesma aplicación reciben os resultados das súas poxas.

As melloras que se implantarán agora na Central súmanse a todo isto para aumentar aínda máis as súas vantaxes fronte ao resto de mercados. Poderán realizarse grazas ao acordo que a Central, co obxectivo de velar polos intereses dos gandeiros, alcanzou cos principais compradores do mercado. Estes, para que se poidan implantar estes servizos, ofreceron asumir un lixeiro aumento das taxas que pagan por cada animal comprado, as cales non se actualizaban desde fai máis dunha década. Comprométense ademais a poxar á alza polos animais ao contar co respaldo do novo seguro de vida.

Así, será posible asumir o importante investimento que supón a implantación de novas tecnoloxías e servizos engadidos, ademais dos custos dos servizos gratuítos que xa se ofrecen agora e que para a Central increméntanse periodicamente. As taxas por animal que pagan os compradores son actualmente de 5,5€ en vacún maior e becerros carniceiros, e incrementaranse soamente 2,5€, mentres que en becerros de recría son de 2,5€ e aumentarán 1,5€.

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pecha 2020 cunha asistencia de 34.976 reses tras celebrar dez sesións menos debido á pandemia

  • A REDUCIÓN DO NÚMERO DE SEMANAS NAS QUE SE CELEBROU O MERCADO DE 51 A 41 SUPUXO QUE ESTA CONCORRENCIA FOSE UN 24,13% MENOR QUE O ANO PASADO, MENTRAS QUE AS TRANSACCIÓNS SUMARON 12.724.699€, UN 30% MENOS
  • ESTE ANO DESTACARON AS IMPORTANTES MELLORAS TECNOLÓXICAS IMPLANTADAS TANTO NO PROCESO DE POXA COMO NA COMUNICACIÓN DOS RESULTADOS AOS OPERADORES
  • O RECINTO FEIRAL É DENDE O PASADO MES DE SETEMBRO A SEDE DA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE MERCADOS DE GANDO (ASEMGA)

Silleda, 21 de decembro de 2020.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España e que celebrou hoxe a última sesión do ano, pechou 2020 cunha asistencia de 34.976 reses e unha facturación de 12.724.699€. Unhas cifras fortemente marcadas polo peche do mercado durante as primeiras semanas da pandemia para garantir a seguridade, o que supuxo a celebración de dez sesións menos este ano, e tamén polas consecuencias desta crise da Covid-19 en restauración e hostalería, o que afectou ao mercado da carne.

Así, enmarcadas nesta situación, as cifras da Central situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 24,13% menos de animais, xa que en 2019 concorreran 46.100 reses nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros. En canto á facturación, en 2020 rexistrou un 30% menos, xa que o ano pasado ascendera a 18.199.272€.

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 24.043 reses, un 22,29% menos que en 2019, cando foran 30.938 animais, mentres que as súas transaccións foron 4.240.525€, un 29,44% menos, xa que o ano pasado foran 6.010.152€. En canto aos seus prezos medios, os becerros cruzados foron os que experimentaron unha maior baixada, do 13,69% (pasando de 292€/unidade en 2019 a 252 en 2020), debido tanto ao temor dos cebadoiros galegos á menor venda en xeral pola crise da COVID-19 como ás perspectivas da subida do prezo do penso o próximo ano. En frisóns, a caída do prezo medio, aínda que do 11,11% (reduciuse de 90€ a 80 €/unidade), foi menor porque se segue exportando ao Magreb unha importante cantidade de animal vivo (prefiren realizar o sacrificio alí segundo o rito halal), que é transportado en barcos que saen de portos cataláns e andaluces. Pola súa banda, os becerros rubios descenderon soamente un 3,7% (de 345€ a 332€/unidade), xa que a calidade destes exemplares foi valorada nesta situación de crise e supúxolles unha vantaxe fronte ás outras razas para non baixar excesivamente o seu prezo medio.

En canto ao vacún maior, rexistráronse durante 2020 un total de 7.060 exemplares, un 28,6% menos que en 2019, cando fosen 9.888. A súa facturación foi un 30,56% menor, ao pasar de 8.313.009€ a 5.772.236€ este ano. Descensos importantes debido a que é a categoría que máis se destina a hostalería. Isto supuxo que os compradores estivesen pagando menos porque boa parte desta carne non se podía vender á restauración polos peches e restricións na mesma debido á COVID-19 e conxelábase, coa consecuente redución de peso das pezas. Á súa vez isto provocou que os gandeiros retivesen e sigan retendo nas súas explotacións aquelas reses que aínda poidan aguantar por idade, en espera en moitos casos de que se resolva esta situación, o que influíu na asistencia. Por categorías, a Extra incluso experimentaron unha subida no seu prezo medio, aumentando un 0,89% (de 1.780€/unidade a 1.796€), e a Primeira mantense nos 1.091€ do ano pasado, mentres que na Segunda e Desfeito descendeu, respectivamente, un 0,96% (de 722€/unidade a 715€) e un 1,09% (de 456€/unidade a 451€). Estas cotizaciones nas mellores categorías foron motivadas en parte pola incorporación á Central de novos matadoiros que buscan neste mercado animais de calidade polos que están dispostos a pagar prezos elevados, mentres que non houbo movementos nos que traballan con reses de calidades inferiores. Neste sentido, alcanzouse un récord histórico no prezo pagado por un exemplar. Foi o día 28 de xaneiro, cando un boi de raza rubia galega que aínda non cumprira os cinco anos foi comprado por 6.781,5€, superando o récord anterior, que se situaba nos 6.006€ pago en 2015 por outro boi da mesma raza.

Respecto a os becerros carniceiros, a súa asistencia descendeu un 26,56%, ao rexistrar este ano 3.873 animais fronte aos 5.274 de 2019. Tamén o fixo a súa facturación que dos 3.876.111€ do ano pasado reduciuse aos 2.711.938€ deste, o cal supón un 30% menos. Por categorías, os frisóns, con pouca presenza na Central e que por tanto inflúen pouco na media conxunta dos becerros cebados, rexistraron unha baixada notable, debido á súa pouca demanda pola súa menor calidade para o consumo, sendo este descenso do 18,4% (de 440€/unidade a 359€). Pola súa banda os rubios e cruces, que teñen maior demanda e atopan na Central un bo nivel de compradores, descenderon soamente un 1,14% no primeiro caso (de 874€/unidade a 864€) e un 4,58% no segundo (de 807€/unidade a 770). Nesta liña, mesmo antes do comezo da pandemia, o 7 de xaneiro rexistrouse o terceiro mellor prezo medio da categoría na historia da Central, o cal se situou en 899,16€, sendo a mellor marca os 918,80€ acadados no mes de xuño do ano pasado.

Poxas desde o móbil

A Central realizou este ano un importante esforzo na implantación de novas tecnoloxías para facilitar e axilizar o proceso de poxas. Así, no mes de maio estableceuse un sistema telemático para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes teñan que acudir ao recinto, substituíndo as poxas cantadas habituais pola difusión a través da web e a aplicación TokApp.

Agora a Central acaba de incorporar unha aplicación para que os compradores poxen desde o móbil, á cal se están sumando progresivamente os usuarios e que substitúe ás tiras en papel nas que os compradores anotan as poxas. Nesta mesma aplicación reciben os resultados. As súas vantaxes son múltiples: eliminar o tecleo manual por parte do persoal da Central para introducir no ordenador os datos que figuran nas tiras de papel, evitando así os erros que produce o factor humano, reorientar o labor de parte dos traballadores a outras tarefas, menor gasto de papel ao eliminarse as tiras e as listaxes que se facilitaban aos compradores e que agora teñen na aplicación, e tamén aumento da seguridade fronte á COVID-19 ao reducirse a manipulación de elementos e o contacto entre compradores e traballadores. Trátase dunha aplicación con gran potencialidade, polo que seguirá incorporando utilidades en función das necesidades da Central.

Vicepresidencia da AEMB

No plano institucional este ano é destacable que o director da Fundación Semana Verde e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foi elixido neste mes de decembro vicepresidente primeiro da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB). Un nomeamento que se suma ao de presidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), cargo que ocupa desde o ano pasado.

Por outra banda, no mes de setembro a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA pasou a albergar a sede administrativa de ASEMGA, sendo a primeira vez que esta cambiaba a súa localización orixinal en Talavera de la Reina. Tamén nese momento Julio Pérez, coordinador da Central, converteuse no secretario administrativo da asociación nacional.

A normalidade no volume de asistencia de animais á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA xa non fai necesaria a preinscrición

Silleda, 3 de xuño de 2020.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA decidiu suprimir a preinscrición de animais como requisito para acudir á poxa e xa non será necesaria para a vindeira sesión do 9 de xuño.

Aínda que este sistema telemático se estableceu coa fin de evitar aglomeracións e non exceder o aforo fixado na Central debido á crise sanitaria do covid-19, xa non resulta necesario. O motivo é a normalidade no volume de asistencia de animais á Central nas súas dúas primeiras sesións desde a reapertura, xa que non se produciu un exceso de oferta de gando que faga necesaria nin a preinscrición nin un máximo de aforo.

Así, os usuarios (gandeiros, transportistas e tratantes) xa non terán que comunicar previamente o número de animais que levarán ao recinto.

Horario e comunicación de resultados

O que si se mantén, e farao con carácter permanente, é o horario de entrada do gando, de 15.00 horas do luns ás 02.00 horas do martes, e tamén o sistema telemático implantado para comunicar aos usuarios os resultados de cada poxa en tempo real sen que estes teñan que acudir ao recinto.

Este último pretende evitar a concentración de asistentes no recinto durante a crise sanitaria, pero tamén axilizar o mercado, polo que funcionará de forma permanente máis alá da situación xerada polo covid-19, substituíndo ás poxas cantadas con soporte de vídeo que viñan sendo habituais. Este sistema conta con dous medios para a difusión dos resultados das poxas da Central, a súa web e a aplicación TokApp.

A Fundación Semana Verde reanudou a súa central agropecuaria con medidas de seguridade e novos sistemas telemáticos

  • O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a Central Agropecuaria de Galicia, na primeira xornada de actividade tras a suspensión dos mercados de gando debido ao estado de alarma polo coronavirus
    A central implantou un sistema de preinscrición obrigatoria a través da súa páxina web, por correo electrónico e por whatsapp
  • Na aplicación TokApp e na web da central pódense consultar os resultados de cada subasta en tempo real
  • O persoal do recinto feiral conta co material de protección necesario e tamén se instalaron mamparas e dispensadores de xel en varias zonas das instalacións

Silleda, 26 de maio de 2020.- O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá a Central Agropecuaria de Galicia da Fundación Semana Verde, que hoxe reanudou o mercado de gando con medidas de seguridade sanitarias e novos sistemas telemáticos, despois de que o Centrod de Coordinación Operativa (Cecop) acordara na súa última reunión levantar a suspensión da celebración dos mercados de gando en Galicia e que a Consellería do Medio Rural publicara o pasado venres a resolución correspondente.

Alfonso Rueda asistiu a esta poxa, onde indicou que a apertura hoxe do mercado de gando “é unha boa noticia, xa que se retoma unha actividade comercial que ten moito que ver coa reactivación do consumo, cos hábitos que tiñamos e empezamos a recuperar e que empeza ademais dacordo cos novos tempos, cunha subasta telemática e con todas as garantías sanitarias”. Por agora, e mentres dure a crise sanitaria, o número máximo de cabezas de gando en cada sesión serán 1.320.

Tamén sinalou a importante aposta polas novas tecnoloxías co obxectivo de reducir a presenza física no recinto e, por tanto, evitar aglomeracións. Por iso, a preinscrición dos animais é obrigatoria mentres dure a crise sanitaria na páxina web da central, por correo electrónico ou por whatsapp. Ademais, a través tanto da aplicación TokApp como na web da central difundiranse os resultados de cada poxa en tempo real para contribuír a redución da afluencia e prevese que se manteña de forma permanente co obxectivo de axilizar a actividade do mercado e ofrecer unha resposta máis eficiente.

Na súa visita comprobou de primeira man que as poxas no recinto feiral, unha das actividades principais da Fundación Semana Verde, retomáronse cumprindo con todos os protocolos de seguridade e prevención, tanto os establecidos polas autoridades sanitarias como outras medidas postas en marcha pola central.

Destacou que todo o persoal conta co material de protección necesario (máscaras, guantes e xel) e que en varios puntos das instalacións colocáronse dispensadores de xel, mamparas e alfombras desinfectantes para garantir a seguridade tanto dos empregados como dos usuarios. Os gandeiros e tratantes que igualmente prefiran asistir de forma presencial, contan con indicacións para circular polos pavillóns evitando os cruzamentos.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca é un mercado xestionado pola Fundación Semana Verde que se converteu nun referente a nivel estatal na comercialización de gando. Desde os seus inicios apostou pola modernización e conta cun sistema pioneiro de poxa pública informatizado que contribúe á axilidade e seguridade das transaccións e que foi actualizado nos últimos anos coa renovación dos equipos.

location-icon

DIRECCIÓN
CENTRAL AGROPECUARIA DE GALICIA ABANCA
Avda. Recinto Ferial S/N
36540 Silleda – Pontevedra