- ISTO SUPÓN UN INCREMENTO DUN 44% DE PRAZAS NOS CASOS ESTABLECIDOS PARA EMPREGAR O TOTAL DO AFORO
- O MERCADO PERMITE ASÍ UHNA MAIOR ASISTENCIA EN TODAS AS CATEGORÍAS E A DISPOSICIÓN DE CORRALETAS PARA VACAS LEITEIRAS DE ESTABULACIÓN LIBRE, ENTRE OUTRAS VANTAXES
- O PAVILLÓN HABILITADO, O NÚMERO CINCO DO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, XA ACOLLE ANIMAIS DENDE HOXE
Silleda, 10 de febreiro de 2026.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA conta dende hoxe cun pavillón máis para albergar as reses que acoden cada martes a este mercado, mellorando así a operatividade dos seus usuarios. Unha incorporación que permite dende xa á Central contar cunha capacidade máxima de 2.111 reses, o que supón un 44% máis das prazas dispoñibles ata hoxe, tendo en conta que estas eran 1.465 tras o reaxuste acordado recentemente con compradores do mercado.
Esta capacidade máxima está establecida para empregar en sesións de gran concorrencia, posteriores ás semanas nas que está fixado cos compradores de becerros de recría non celebrar as poxas correspondentes a esta categoría. Nunha semana ordinaria a capacidade será de 1.950 animais.
Esta habilitación dun dos pavillóns do recinto para a Central ofrece numerosas vantaxes. Así, en canto a becerros de recría, as súas prazas aumentan de 701 a 805. Respecto a vacún maior, supón que ás 440 prazas individuais habituais se engadan corraletas para un máximo de 120 vacas procedentes de granxas de estabulación libre, cuxo manexo é máis complexo, respondendo así a unha petición dos gandeiros. Ademais, permite sumar corraletas para outros 36 exemplares destinadas a situacións especiais.
Por outra banda, haberá máis espazo para os becerros carniceiros, os cales pasan a ocupar o novo pavillón e aumentan as prazas de 220 a 339. Compartirán espazo cos becerros pasteiros, que ata agora estaban cos de recría, e incrementan o seu máximo de 104 a 160. Unha separación que permitirá aos compradores unha mellor valoración deste pasteiros, cuxo crecemento en asistencia ven sendo considerable neste mercado nos últimos dous anos.
Un pavillón con capacidade para 499 animais
O pavillón habilitado para incorporarse á Central Agropecuaria é o número cinco do recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Moi próximo aos dous que xa se viñan empregando para o mercado, dispón de corraletas para acoller 339 becerros carniceiros e 160 becerros pasteiros, un total de 499 animais.
Así mesmo, dispón de catro peiraos de carga de diferentes alturas no seu exterior, con canalización de gando a través de mangas e portas direccionables cara o exterior.