Presentación

que é a central agropecuaria?

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA foi creada no ano 1981 baixo o nome de Lonxa Agropecuaria de Galicia co obxectivo de dar saída aos produtos gandeiros, facilitando os encontros entre oferta e demanda e adaptando os modos de compra-venda aos novos rumbos do mercado.

Hoxe, este mercado, xestionado pola Fundación Semana Verde de Galicia, alberga a única poxa de gando bovino informatizada de España. Unha exclusividade que se traduce nun modelo de comercialización baseado nun sistema de poxa pública con xestión informática que exclúe a presenza de intermediarios. Eficacia, transparencia e legalidade son as vantaxes desta Poxa tanto para vendedores como para compradores.

Por outra banda, a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acolle semanalmente Mesas de Prezos, sen presenza física, de porcino cebado, leitóns, ovos, galiñas de desvelle (todos os martes). No seu marco produtores e industria reúnense para acordar os prezos de referencia cos que os operadores levarán a cabo as súas transaccións, sendo o seu obxectivo a xeración de prezos operativos para o mercado.

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, é, pois, un instrumento para a clarificación dos mercados de produtos gandeiros nas súas dúas vertentes principais, mercados con presenza física de animais e mesas de prezos, permitindo ao produtor e gandeiro alcanzar tanto intercambios comerciais directos como canles de información que redunden nunha comercialización máis xusta.

como funciona?

Central Agropecuaria de Galicia ABANCA conta coa única poxa de gando bovino informatiza de España. Esto supón que a Poxa da Central opera cun modelo de comercialización baseado no sistema de poxa pública con xestión informática que elimina a presenza de intermediarios, o que garante a transparencia nas transaccións entre compradores e vendedores, evitando o regateo e garantindo o cobro inmediato e seguro, xestionado por la propia Central.

A Poxa de Gando Bovino foi evolucionando dende os seus inicios de forma parella ao mercado agropecuario e ás súas necesidades, ao tempo que ten ido mellorando periodicamente este sistema informático dende a súa implantación en 1993. Así, este programa está adaptado á filosofía de funcionamento do Sistema Nacional de Movemento de Gando que xestiona en Galicia a Consellería do Medio Rural, garantindo desta maneira a total trazabilidade dos animais que transcurran polo mercado.

Todo o proceso que se sigue na poxa da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA garante unha total eficacia e legalidade, como así o demostran os distintos pasos que se teñen que seguir:

  1. Chegada do animal á nave, o cal se marca cun número identificativo. O propietario recibirá un resgardo por cada res, que deberá amosar ao persoal da poxa á hora de facilitar os seus datos fiscais e documentación sanitaria dos animais.
  2. Cada comprador poxará de forma secreta polos animais que lle interesen, anotando o prezo que ofertan nunhas tiras que entregarán ao persoal da poxa. Introducidas as poxas no ordenador, o proceso informático selecciona a máis alta.
  3. No salón de subastas comunícase a viva voz o prezo máis alto seleccionado, que o propietario terá opción de aceptar ou rexeitar.
  4. Unha vez poxados todos os animais, a Central Agropecuaria de Galicia emite por conta do vendedor un recibo que corresponde á venda de cada un dos animais. O vendedor recibe unha copia xunto co talón bancario polo importe da súa venda. O orixinal entrégase ao comprador.
  5. A Central encárgase de cobrarlle ao comprador, entregándolle a relación de becerros ou vacas que adquiriu.

Este proceso supón claras vantaxes, tanto para o comprador como para o vendedor. Así, a este último garántelle total transparencia e seriedade nos prezos, maximización dos resultados da venda, seguridade de cobro inmediato, ausencia de tensión comercial, horario de métodos cómodo e a non necesidade da presenza do propietario coa seguridade dunha xestión óptima.

En canto ao comprador, as vantaxes para el son a concentración de oferta, facilidade de compra de volumes altos, economía do transporte e calidade dos animais ao ser de primeira feira. Así mesmo, o sistema da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA tamén supón beneficios globais, como son a claridade sanitaria, transparencia fiscal (emítese factura en todos os casos) e prezo orientativo real (efectivamente pagado).

Este mercado, celebrado todos os martes, acolle poxas de  becerros de recría, becerros cebados e vacas de desvelle, ocupando dous pavillóns de 8.000m² do recinto Feira Internacional de Galicia Abanca. O importante número de animais poxados, procedentes de diversas comunidades autónomas, e o seu volume de transaccións económicas, converten á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA nun importante centro de negocios para o gando bovino.

A través da Poxa a Central forma parte da Asociación Española de Mercados de Ganado (ASEMGA), sendo o único integrante que non está dirixido por un Concello. Esta agrupación aglutina aos principais mercados gandeiros de España e é membro da Asociación Europea de Mercados de Bovino (AEMB), con sede en Bruselas, na cal están integrados 356 mercados de 9 países.

Central Agropecuaria

de Galicia Abanca,

"onde vender mellor o teu gando"

onde estamos?