Normativa

Normativa da Central Agropecuaria de Galicia Abanca (05/08/2024)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

En consonancia co Regulamento Xeral da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, establécese o seguinte Regulamento que define as normas específicas das Poxas de Gando Vacún, celebradas no marco da presente Central, no Recinto Feira Internacional de Galicia.

Son obxectivos específicos do presente Regulamento establecer as normas de funcionamento así como os dereitos e obrigas, de inescusable cumprimento, de todas aquelas persoas, compradores ou vendedores que realicen transaccións de vacún a través da Central Agropecuaria de Galicia.

Tendo en conta as disposicións establecidas no Regulamento Xeral da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, a Fundación Semana Verde de Galicia, en calidade de Entidade Promotora e Xestora da Central dita o seguinte Regulamento:

CAPÍTULO I: ESTRUTURA, OBXECTIVOS E FINS DAS POXAS DE VACÚN.

Artigo 1. – Obxecto.

O presente Regulamento ten por obxecto establecer as normas de funcionamento das Poxas de Gando Vacún celebradas no marco da Central Agropecuaria de Galicia Abanca.

Artigo 2. – Fins.

Son fins específicos das Poxas de Vacún os seguintes:

  • Concentrar a oferta e a demanda a fin de reducir os custos.
  • Ofertar as canles adecuadas para a comercialización do gando vacún.
  • Elaboración dun banco de datos co fin de subministrar a máxima información posible, tanto a gandeiros como a compradores.
  • Elaboración e publicación de prezos reais de venda.

Artigo 3. – Ubicación.

As Poxas de Vacún realizadas no marco da Central Agropecuaria de Galicia Abanca estarán ubicadas no Recinto Feira Internacional de Galicia, situado na localidade pontevedresa de Silleda.

Artigo 4. – Celebración.

As poxas de vacún terán unha periodicidade semanal, fixándose como día habitual de celebración os martes.

No caso de non poder celebrarse algunha das poxas nas datas habituais establecidas no parágrafo anterior, será a entidade promotora e xestora da Central Agropecuaria de Galicia Abanca a encargada de trasladala de día ou da súa suspensión, mediante comunicación aos habituais operadores coa antelación suficiente e mediante os anuncios pertinentes nas propias instalacións da Central Agropecuaria.

Artigo 5. – Dirección das poxas.

O funcionamento, dirección e representación das poxas correrá a cargo do Director Xeral da Fundación Semana Verde de Galicia, o cal ten plenos poderes para isto.

Serán funcións específicas da organización:

  • Organizar a recepción, entrada, identificación, pesada e aloxamento do gando.
  • Inspección e aceptación da documentación sanitaria do gando.
  • Velar pola pureza e transparencia da poxa, impedindo os tratos directos dentro do recinto da Central Agropecuaria.
  • Resolver calquera incidencia que se poida presentar.
  • Prover dos recursos materiais, técnicos, tecnolóxicos e humanos necesarios para o bo desenvolvemento das poxas de vacún.
  • Acometer as reformas e propostas, que ao seu xuízo ou a petición do sector, poidan incidir nunha mellora no desenvolvemento da poxa.
  • Recoller e valorar as suxestións de mellora que presenten os operadores e intentar executar, dentro das súas posibilidades,  as recomendacións do Comité da Poxa.
  • Elaborar, aprobar, interpretar e modificar os regulamentos específicos da poxa ao fin de adaptalos ás posibilidades orzamentarias da propia Fundación.
  • Custodiar e publicar toda a información que se xere na propia Central.
  • Establecer taxas, canons e outros mecanismos económicos/ financeiros que se consideren oportunos.

A organización das poxas porá a disposición de todos os operadores uns modelos normalizados de partes de incidencias e un buzón de suxestións, a fin de que estes teñan unha interlocución directa coa Entidade Xestora e Promotora da Central Agropecuaria de Galicia Abanca.

Para velar polo cumprimento das súas funcións específicas, a organización designará o equipo humano necesario e nomeará a figura dun Coordinador da Poxa quen:

  • Supervisará todo o procedemento.
  • Velará pola transparencia, legalidade, eficacia e corrección do sistema.
  • Será o interlocutor directo cos operadores tanto para as cuestións habituais como para a resolución de incidencias.
  • Informará á Dirección de calquera incidencia ou anomalía que se produza.
  • Elevará propostas de mellora nos sistemas e procedementos.

CAPÍTULO II. DOS VENDEDORES.

Artigo 6. – Definición.

Poderán participar como vendedores nas Poxas de Vacún todas aquelas persoas que o desexen e sexan criadores ou propietarios de gando vacún, e que previamente se identifiquen e se acrediten nas oficinas das poxas en tempo e forma (ben presentando o seu CEA ou, no seu caso, o carné de operador comercial).

Artigo 7. – Acreditación.

Todo vendedor, para acreditarse como tal, deberá facilitar á organización de forma previa e antes  de acudir as poxas os seguintes datos:

  • Copia da Folla de saneamento da explotación onde figure nome do titular, NIF, CEA e dirección.
  • Certificado de Situación Censal da AEAT que indique o réxime fiscal no que está dado de alta para unha correcta aplicación do IVE e IRPF. Ademais, si a posteriori existen modificacións na situación fiscal, os vendedores teñen a obriga de comunicar á organización o cambio de réxime de forma previa a realizalo.
  • Certificado da conta bancaria onde ten que figurar o IBAN da conta e o nome e dni do titular que deberá coincidir co do vendedor a dar de alta.
  • Número de teléfono e dirección de correo electrónico.
  • Se se trata dun intermediario e non do propio gandeiro, deberá presentar ademais a factura de compra dos animais.

Unha vez revisada a documentación pola Organización e ver que está correcta, procederase a dar de alta o novo vendedor e comunicaráselle a data na que pode traer animais para as poxas, que como norma xeral será a do seguinte martes.

Artigo 8. – Obrigas.

O vendedor, baixo a súa responsabilidade comprométese a presentar animais sans, que non padezan ou presenten síntomas de ningunha enfermidade infecto–contaxiosa ou defecto físico que impida o seu manexo e cría natural. O incumprimento desta obriga dará lugar á devolución íntegra do importe do valor do animal.

Para os datos do animal, o propietario ou o seu representante deberá facilitar o recibo de recepción e a documentación sanitaria de acompañamento do animal, que son:

  • D.I.B. (Documento de identificación bobina) ou pasaporte.
  • Fotocopia da folla de saneamento, na cal deberá aparecer o propio número de crotal no caso das vacas, ou o da nai no caso dos cebos e animais de recría. Estas fotocopias deberán estar compulsadas dentro do prazo que establezan as normativas que estean en vigor en cada momento.
  • Aqueles gandeiros que concorran con animais procedentes de provincias ou comunidades autónomas oficialmente indemnes ás enfermidades do saneamento gandeiro, deberán acreditar que proceden de explotacións oficialmente indemnes a estas enfermidades e a maiores deberán aportar un certificado de ter realizadas as probas que esixan as normativas que están vixentes.
  • Para as vacas e cebos é obrigatoria a entrega da declaración xurada do gandeiro sobre a sanidade do animal e da explotación de maneira individual por cada unha das reses.

A documentación sanitaria que entregue o propietario do animal á organización das poxas, será a correcta para que o novo adxudicatario poida retirar o animal. Hai unha excepción: no caso dos animais que veña provistos de guía de saneamento para a súa entrada no recinto, será o comprador o responsable de solicitar a guía de saída.

É obriga do vendedor, presentar esta documentación sanitaria, entre as 15:00 horas do luns e as 02.00 horas do martes.

A retirada dos animais nos que a transacción fose rexeitada polo vendedor e daqueles que non tivesen poxa algunha (os desertos), efectuarana os seus propietarios unha vez finalizada a poxa e cando xa teñan sido separados do resto de animais polo persoal da organización e previa entrega do recibo de recepción e do pago do correspondente taxa.

No caso de cambio de titularidade do CEA, este deberá ser informado antes do comezo da poxa, no momento de entrega da D.I.B.

CAPÍTULO III. – DOS COMPRADORES.

Artigo 9. – Definición.

Poderá ser comprador toda persoa (física ou xurídica) que estea en posesión do carné de operador comercial ou dado de alta no Imposto de Actividades Económicas como cebadeiro industrial ou comercializador de carne, e que sexa acreditado e admitido pola Dirección da Poxa.

 Artigo 10. – Admisión.

Para ser admitido como tal, o comprador ten a obriga de aceptar unha das dúas formas de pago estipuladas pola organización da Central Agropecuaria de Galicia:

  • Pago en efectivo. A primeira vez que participe na subasta, para ser admitido, terá que entregar previamente unha cantidade en efectivo que cubra as súas posibles poxas. Nas seguintes, deberá pagar en metálico antes de retirar o gando do Recinto.
  • Pago avalado por documento bancario. Ata a cantidade efectivamente avalada poderá entregar cheque nominativo ou aceptar un xiro bancario. De superarse a cantidade avalada deberá entregar o excedente en metálico antes de retirar o gando.

 Artigo 11. – Dereitos e Obrigas xerais.

O comprador poderá establecer un tope máximo na adxudicación de animais que o protexa dun exceso de adxudicacións. Deberá reflectir este tope máximo que pode adquirir, no primeiro impreso de poxas que entregue, ou na casilla correspondente da App. O sistema informático de adxudicacións terá en conta este límite e cando se alcance deixará de contemplar as poxas do comprador.

O comprador ten a obriga de facerse cargo dos animais polos que poxase e lle sexan adxudicados.

A Central Agropecuaria de Galicia facilitará aos compradores unha relación da totalidade das transaccións realizadas no día, así como dos recibos individualizados de cada compra asinados polos vendedores.

Para aqueles animais que veñan provistos de guía de saneamento para a súa entrada no recinto o responsable de solicitar a guía de saída será o comprador.

CAPÍTULO IV. – PROCEDEMENTO DA POXA.

Artigo 12. – Identificación e aloxamento do gando.

Son obrigas da entidade promotora e xestora da Central Agropecuaria de Galicia Abanca a identificación e aloxamento do gando vacún. Así, específicamente corresponde a ésta:

  • Marcado de animais: para unha perfecta identificación dos animais nas poxas e a fin de evitar cambios de número ou posibles erros, os animais participantes na poxa de recría serán crotalizados de forma individual e os participantes nas de cebo e desvelle serán amarrados de forma individual nas prazas numeradas existentes.
  • Aloxamento: cada animal será aloxado en gaiolas ou amarres, que a organización ten dispostos para os mesmos.
  • Recibo de recepción: por cada animal expedirase un recibo de recepción, coincidente co número co que se crotalizou o animal, no cal se farán constar as catro últimas cifras do crotal sanitario. Este documento acreditará ao vendedor como propietario do animal.
  • Facturación: a Central Agropecuaria proverá aos compradores do correspondente recibo que xustifique o valor da compra realizada e facilitará a obtención das facturas oficiais cando fosen necesarias.

 Artigo 13. – Licitacións e adxudicacións:

  • As licitacións presentaranse nos impresos oficiais da poxas e na aplicación App Central 4.0 que os compradores utilizarán nos seus terminais móbiles, previo rexistro e autorización emitida pola organización.
  • A cantidade que se informa na sala e na App de comunicación que utiliza a organización é a que realmente se abonará aos vendedores; tanto os descontos pactados como as taxas por utilización do recinto e servizos feirais estarán descontados do prezo ofertado polo comprador.
  • As licitacións dos compradores serán numeradas segundo a orde de chegada dos compradores ao mercado e previo pase polas oficinas da organización para informar da súa intención de participar, momento en que se lle facilitará o seu número de orde.
  • En caso de empate no prezo ofertado por un mesmo animal, este será adxudicado ao comprador que teña o número de orde máis baixo.
  • Para minimizar os erros, establécese un procedemento de eliminación das poxas desproporcionadas. En todo caso, se a poxa eliminada fose correcta, o comprador sempre terá dereito a pedir a revisión dos impresos e solicitar manter a taxación inicial, co cal se lle daría validez e se lle adxudicaría o animal.
  • Antes do inicio de cada poxa, o director da poxa informará de forma pública a todos os participantes na poxa da adxudicación previa, especificando neste informe os datos de cada comprador e a cantidade numérica de animais na que foi o máximo poxador.
  • Á vez farase entrega dun listado individual a cada comprador, no que se lle informará de todos os animais que poxou, o prezo que lle asignou, o número de crotal, raza, sexo, idade, etiquetas (Ternera Gallega) e o prezo máximo obtido para cada animal, descontadas as taxas correspondentes por tipo de poxa. Naqueles animais nos que a súa poxa sexa a vencedora realizarase unha marca á par do prezo, para que o comprador poida visionar dunha forma cómoda os animais que obtivo.
  • Unha vez que se fai entrega do informe de “Adxudicacións Previas” aos compradores, estes dispoñerán de 20 minutos para poder comprobar que as valoracións das súas adxudicacións son correctas e as naves de gando permanecerán abertas para que poidan acceder e comprobar os animais. Neste período os compradores poderán solicitar ao director da poxa a corrección de prezos que foran gravados de forma incorrecta, o borrado das poxas para aqueles animais que foran poxados de forma incorrecta por motivo de sexo, raza, idade ou defecto físico. Finalizado o tempo asignado para comprobar as adxudicacións previas, daranse por válidas todas as valoracións informadas aos compradores. Unha das pantallas informativas ubicada na sala da poxa, marcará os tempos de inicio e finalización para esta actuación dos compradores.          
  • A continuación, procederase a informar aos vendedores dos valores obtidos polos seus animais no proceso de poxa, existindo diferentes medios a través dos cales os vendedores poden recibir as cotizacións:
  • Os vendedores dispoñerán tamén de 20 minutos para poder aceptar ou rexeitar as adxudicacións dos animais que se lles informe. Para adxudicar non é necesario realizar ninguna comunicación á organización, pero para rexeitar si é necesario comunicarllo, ben de forma presencial no mostrador do director da poxa ubicado na sala de poxas ou ben a través da opción de responder da aplicación de comunicación e mensaxería TokApp, indicando o número que lle interesa para ser rexeitado. Unha das pantallas informativas situada na sala de poxas, marcará os tempos de inicio e finalización desta actuación dos vendedores.
  • Unha vez rematado o tempo de comprobación dos vendedores, darase por pechada a poxa, procedendo nese momento á entrega das listaxes definitivas de adxudicación de forma personalizada a cada comprador por tipo de poxa. Así mesmo, iníciase a facturación para realizar o pago dos animais adxudicados e tamén a facturación para o cobro dos animais adxudicados por tipo de poxa a cada comprador e as taxas daqueles animais con resultado rexeitado, deserto ou fora da poxa por orde dos servizos veterinarios.

Artigo 14. – Pagos.

As formas de pago serán:

  • Poxas de becerros de recría: Transferencias ás contas bancarias dos vendedores con valor de 2 días despois da data da realización da poxa.
  • Poxas de vacas e cebados: Transferencia ás contas bancarias dos vendedores con valor de 6 días despois da data de realización da poxa.

O pago do gando adxudicado, será realizado pola Fundación Semana Verde de Galicia, por conta dos compradores.

No caso das vacas e cebados, para aqueles animais que non cheguen ao seu ciclo final de comercialización (decomiso total, parcial ou retención por probas dos servizos veterinarios de saúde pública nos matadoiros), procederase á cancelación do correspondente pago.

Para xustificar dita cancelación o comprador afectado deberá facer entrega de inmediato á organización da copia da acta oficial asinada polo veterinario de Saúde Pública da Xunta de Galicia que teña feito a inspección. Nesta deberá reflectirse a actuación realizada, motivos e resultados para remitir ao vendedor do animal e comunicarlle a anulación da transacción e, consecuentemente, do pago.

A Central Agropecuaria proporcionará aos compradores, no momento de efectuar o pago, os correspondentes recibos individuais, así como unha relación de todas as compras realizadas na sesión.

A Central Agropecuaria poderá reter o pago dalgún animal, ben por defecto na súa documentación sanitaria ou por falta dalgún dos documentos esixidos, ata que se produza a validación dos mesmos.

A Central poderá reter ou descontar o pago de cantidades adebedadas por vendedores e compradores, de posteriores transaccións realizadas na Central Agropecuaria.

 Artigo 15. – Horarios e Calendarios.

As poxas de vacún teñen unha periodicidade semanal, fixándose como día habitual de celebración os martes.

A entrada de gando deberá realizarse con carácter xeral entre as 15:00 horas do luns e as 01:30 horas do martes, hora na que as portas do recinto pecharán para a entrada de gando. De forma especial, as portas do recinto volveranse a abrir para recibir gando só para compradores que traían animais para vender desde as 05:00 horas as 06.00 horas do martes. Non se admitirán aqueles animais que sexan presentados fóra deste horario.

O gando comercializado deberá retirarse do recinto da Central antes das 21.00 h. do martes, salvo circunstancias excepcionais que deberán ser previamente autorizadas pola organización e os servizos veterinarios oficiais que atenden o mercado.

O recinto da Central permanecerá pechado dende as 01:30 h. ata as 05:00 h. do martes e a partires das 21:00 h do martes.

Artigo 16. – Procedemento das poxas:

  • A documentación sanitaria dos animais presentados deberá ser entregada á organización en horario de 15.00 h. do luns a 02.00 h. do martes, e de forma excepcional de 05:00 horas a 06:00 horas do martes para o gando recibido nese período excepcional, nas oficinas da Central ubicadas entre os pavillóns 3 e 4. Non se admitirán animais á poxa cuxa documentación non estea entregada antes desa hora límite. Esta documentación permanecerá en poder da organización ata que se resolva o proceso de poxa completamente. Se algún comprador precisa revisar algunha documentación deberá solicitalo ao persoal de administración da Central, quen lla poderá amosar nas oficinas pero sen entregarlla.
  • Desde as 05:00 h. do martes os compradores acreditados poderán proceder á inspección e valoración dos animais, así como á presentación de solicitudes. Os compradores terán unha hora límite para efectuar as valoracións, sendo obrigatorio realizar a entrega das tiras nas oficinas da Central e rematar o poxado na App da Central nos horarios que marque a organización para cada unha das poxas (vacas, tenreiros e cebados).

A partir do momento en que remate o horario establecido, non se admitirá modificación algunha nas poxas ou tiras. Se as tiras fosen entregadas con anterioridade á finalización do período oficial para axilizar o procesamento dos datos, admitiranse modificacións sempre e cando sexan realizadas no documento normalizado que a tal efecto facilitará a organización (e sempre na orde que definen os números de poxa) e entregadas dentro do devandito período oficial.

  • Durante a admisión e distribución do gando, o recinto de estabulación permanecerá pechado ao público en xeral.  Habilitarase unha zona específica na nave para compradores e vendedores. Durante o período de información de licitacións a vendedores e compradores, só se permitirá o acceso ás naves de estabulación a compradores habilitados na poxa desa sesión.
  • Estará prohibido o acceso ao interior das oficinas de administración a toda persoa allea á Central e en particular aos operadores da poxa. Calquera reclamación ou solicitude atenderase ben na sala de cantado ou ben no mostrador de atención ao público.
  • Para un correcto funcionamento do sistema de adxudicación establécese a confidencialidade das poxas. O acceso á información sobre as poxas estará restrinxido só a persoal autorizado.

CAPÍTULO V. – RÉXIME ECONÓMICO.

Artigo 17. – Réxime Económico.

Para o sostemento económico da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, esta poderá establecer taxas, comisións e outros mecanismos económicos/financeiros que considere oportunos. Así mesmo, tamén poderán figurar entre os ingresos as doazóns e subvencións que a favor desta se constitúan.

Artigo 18. – Figuras Económicas.

A Entidade Promotora e Xestora da Central Agropecuaria de Galicia Abanca establece as seguintes figuras económicas, diferenciando as que se refiren aos animais comercializados e aos non comercializados:

  • Taxas de Entrada: establécese por cada animal unha taxa fixa de entrada, que será descontada do importe da poxa que resulte gañadora na adxudicación do animal.
  • Comisión sobre transaccións:
  • establécense comisións variables sobre as transaccións que se calcularán como porcentaxe do importe que resulte de restar da poxa ganadora a taxa fixa de entrada. Tanto a taxa fixa como a comisión sobre transacción serán descontadas do importe da poxa para calcular o prezo de adxudicación e facturación do animal.

A contía das taxas de entrada e porcentaxes sobre transacción que se aplicaran están definidas no seguinte cadro:

 

TAXAS FIXAS

COMISION SOBRE TRANSACCION

BECERROS DE RECRÍA

6,00 €

0,75 %

BECERROS CARNICEIROS

10,00 €

0,75 %

VACÚN MAIOR

10,00 €

0,75 %

FÓRA DE POXA E DESERTOS

 Taxa entrada

0

REXEITADOS

Taxa entrada(*)

0

GANDO EN TRÁNSITO

4,00 €

0

(*)Para aqueles animais cuxa transacción fora rexeitada polo vendedor (situación “rexeitados”) estarán obrigados ao pago da taxa de entrada, igual que os realmente comercializados. Á parte establécense sancións en base ao número de animais aportados á poxa e ó número de animais rexeitados. Recóllense nos cadros adxuntos por tipo de poxa:

 Ás cantidades especificadas na addenda do presente regulamento haberá que sumarlles o IVE correspondente.

A organización entregará a factura correspondente do custo do servizo.

CAPÍTULO VI. NORMAS ADICIONAIS.

Artigo 19.- Gando en tránsito.

Tendo en conta que a normativa de benestar animal esixe a descarga dos animais que levan xa un tempo no camión e que a Central está obrigada a rexistrar sanitaria mente a súa entrada e saída no recinto, créase a figura de gando en tránsito que é aquel que entra e sae das instalacións sen ser comercializado nelas, polo que está fóra do procedemento das poxas.

O gando en tránsito non poderá ser de ningunha maneira obxecto de tratos comerciais no recinto, pois isto suporía un dano importante Central Agropecuaria e o funcionamentos do sistema de  poxas. En caso de detectarse estes tratos serán motivo de expulsión das poxas.

O gando en tránsito terá unha área especialmente habilitada para el na que non se clasificará, nin se crotalizará, nin se cargará e descargará, nin se lle ofrecerá servizo algún.

É responsabilidade directa do entrador o entregar os documentos sanitarios correctos e facerse cargo das taxas correspondentes.

Este gando estará suxeito a unhas taxas de entrada específicas que se detallan no artigo 18 deste regulamento.

Artigo 20. – Responsabilidade do gando recibido.

A Central Agropecuaria de Galicia é a responsable de todo o gando introducido á poxa durante a súa estancia no recinto.

Esta responsabilidade dará comezo no momento no que o propietario ou transportista entrega a súa res e esta sexa crotalizada ou situada nun amarre ou corraleta numerada. Sempre deberá quedar xustificada a recepción coa entrega dun tícket normalizado da CAG (Central Agropecuaria de Galicia).

Os adxudicatarios das reses na poxa, compradores, asumirán a responsabilidade no momento que inicien a carga do gando, procedendo este a súa liberación do amarre ou córrallete para dirixilo o seu vehículo situado no peirao de carga. Desde este momento, a CAG queda liberada de calquera incidencia que poida xurdir coas reses asignadas.

A CAG dispón dun sistema de cámaras de vídeo tanto no interior das naves como no exterior, das cales poderá facer uso para visualizar calquera incidencia que poida xurdir.

Artigo 21. – Réxime Sancionador.

A participación como comprador ou vendedor, implica a aceptación de todas as normas recollidas no presente Regulamento.

Queda terminantemente prohibida en toda a área do Recinto calquera transacción de gando, que non sexa a través das poxas. Polo tanto, aqueles animais cuxa transacción fose rexeitada, deberán ser retirados polos seus propietarios ou persoas ao seu cargo.

O incumprimento do disposto no presente regulamento, dará lugar á inhabilitación como comprador ou vendedor nesta poxa, por un período de 3 meses; no caso de reincidencia a penalización será de un ano.

Artigo 22. – Dereito de Admisión.

A Central Agropecuaria de Galicia Abanca resérvase o dereito de admisión nas súas poxas. Poderá excluírse das mesmas a todos aqueles operadores que considere polas súas actitudes ou malas prácticas.   

Artigo 23. – Interpretación.

A Entidade Promotora e Xestora da Central Agropecuaria de Galicia Abanca será a responsable de interpretación do Regulamento así como a encargada de dirimir todas aquelas cuestións que poidan presentarse, e que non estean recollidas no presente regulamento.

Artigo 24. – Modificacións Regulamentarias.

Corresponde á Entidade Promotora e Xestora a modificación do Regulamento Xeral de Funcionamento así como os Regulamentos Específicos de Poxas.

Asemade tamén corresponde á Entidade Promotora e Xestora da Central Agropecuaria o establecemento e modificación dos mecanismos económico/financeiros.