Silleda (Pontevedra), 3 de marzo de 2026.- O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe o pavillón número 5 habilitado para incorporarse á Central Agropecuaria de Galicia ABANCA no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA de Silleda. Así, lembrou que desde a súa posta en marcha o pasado 10 de febreiro é posible acoller un maior número de reses no mercado dos martes, como é o caso da xornada de hoxe. En concreto, incrementáronse nun 44% as prazas dispoñibles ata superar as 2.100.
Deste xeito, como explicou Diego Calvo, esta capacidade máxima que permite a posta en funcionamento do novo pavillón dá resposta á maior afluencia nas sesións das semanas posteriores ás que está fixado cos compradores de becerros de recría non celebrar poxas correspondentes a esta categoría, mentres que nunha semana ordinaria a maior capacidade sería de 1.950 animais. Nesta liña, incidiu en que se ofrecen solución ás melloras solicitadas polos compradores no que se refire precisamente á ampliación da superficie para contar con máis animais.
Este novo pavillón súmase aos dous que xa se viñan empregando para o mercado e permite acoller case medio milleiro de animais, con gaiolas para albergar 339 becerros carniceiros -fronte ás 220 prazas anteriores- e para 160 pasteiros, que tamén aumentan respecto ás 104 prazas que había. Ademais, neste caso, grazas a esta ampliación, os becerros pasteiros sepáranse dos de recría, o que axuda aos compradores a unha mellor valoración.
O espazo que leva funcionando xa estas semanas dispón tamén de catro peiraos de carga de diferentes alturas no seu exterior, con canalización de gando a través de mangas e portas cara ao exterior.
Ao mesmo tempo, a habilitación do pavillón número 5 para a Central Agropecuaria supón incrementar non só a capacidade para albergar becerros carniceiros e pasteiros, senón que tamén se conseguiu aumentar as prazas de becerros de recría, que era precisamente unha das petición dos compradores, e engadir máis gaiolas tanto para vacas de granxas de estabulación libre como para exemplares destinadas a situacións especiais de asistencia.
Colaboración reforma instalacións hípicas exteriores
Por outra parte, na visita de hoxe, o conselleiro tamén fixo referencia ao convenio de colaboración entre o Goberno galego e a Fundación Semana Verde de Galicia para o financiamento dos gastos derivados das obras de reforma das instalacións hípicas exteriores no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca, por un importe total de 644.120 euros. Desta contía, a Xunta achegará o 85% cun investimento de 550.000 euros, mentres que a fundación aportará os 94.120 euros restantes.
A intervención contempla a conversión da pista principal actual nunha de última xeración composta por area de microsílice e fibras xeotextiles, equipada cun sistema de rego e drenaxe interno, o que permitirá o seu uso continuado durante todo o ano, incluso en condición climáticas adversas. Os traballos previstos inclúen a escavación da pista e de gabias para canalización de tubaxes, a colocación de lona illante, a instalación de tubaxes con boias e electroválvulas, a achega de capas de area de drenaxe e nivelación por láser, a aplicación de capa final de area de microsílice e mestura con fibra e a posta en marcha do sistema integral de rega e drenaxe.
Esta infraestrutura, segundo aclarou o conselleiro, permitiría á Federación Hípica Galega avanzar na formación dos deportistas, garantir o benestar dos animais e aumentar a presenza de Galicia na competición de alto nivel. De feito, a remodelación destas instalacións suporía adecualas ás esixencias actuais dos estándares internacionais de calidade e benestar animal nas pistas destinadas a albergar concursos de primeira orde.
Nesta liña, a Fundación Semana Verde mantén contacto coa federación co obxectivo de definir posibles vías de colaboración que permitan celebrar no recinto feiral de Silleda actividades deportivas e formativas de alto nivel. Cómpre destacar que estas instalacións hípicas da Fundación Semana Verde situadas na zona de gandería do recinto feiral constan dun ring principal cunha superficie útil de 8.500 metros cadrados e unha pista de quecemento (ring anexo) de 4.100 metros.