Silleda 29 de abril de 2025.- As poxas da Central Agropecuaria de Galicia Abanca non se celebraron hoxe debido ao apagón eléctrico. A dirección do mercado estableceu onte como hora límite para decidir a súa celebración ou suspensión ás 21.00h, xa que a recepción dos animais participantes supón un proceso que conleva normalmente o traballo de catro persoas dende as 17.00h do luns ata aproximadamente ás 02.00h da madrugada e sen ese labor non é posible comezar as poxas.
Así pois, se nese momento non se contaba aínda con subministración eléctrica, xa non sería viable levar a cabo as poxas e a Central veríase obrigada a suspendelas. Efectivamente a electricidade non se tiña restablecido a esa hora (e non chegou ao recinto ata as 9.30h desta mañá), polo que non era viable a súa celebración e foi suspendida.
O persoal da Central informou desta posible suspensión aos poucos gandeiros que se achegaron ao mercado onte pola tarde, dándolles a opción de deixar o gando no recinto por se finalmente se celebraban as poxas ou de que o levasen de novo ás súas explotacións. Así mesmo, aos que acudiron ao recinto pasadas as 21.00h (pecháronse as portas sobre as 22.00h), indicóuselles xa a suspensión do mercado e tamén se lles deron as dúas opcións debido á viaxe xa realizado polos animais, con indicación que se retirasen esta mañá o antes posible.
Algúns dos gandeiros decidiron deixar os seus animais, polo que esta mañá nas instalacións había sobre un centenar de exemplares de vacún maio, medio centenar de becerros carniceiros e sobre sesenta becerros de recría.
Tendo en conta a presenza destes animais no mercado e a non celebración das poxas, facilitouse por parte dos servizos veterinarios a documentación necesaria para que os animais presentes puideran ser retirados por algúns compradores que acudiron esta mañá ao recinto e estaban interesados en adquirir algún animal, dispoñendo así da súa correspondente guía de saída para cebadoiros ou matadoiros.
Así mesmo, tan pronto se restableceu a conexión eléctrica esta mañá, dende a Central trasladouse aos gandeiros por vía telemática esta suspensión das poxas e tamén se lles pediu que estivesen atentos a novas comunicacións debido a que será necesario establecer topes no número de animais na sesión da vindeira semana, xa que a suspensión de hoxe podería facer que se excedese o número de animais (a Central, por cuestións de benestar animal, debe establecer unha cifra máxima de animais por sesión).
En canto ás mesas de prezos, máis tarde enviaranse como cada martes as cotizacións correspondentes a esta semana.