- O ANO PASADO ESTE MARCADO FACTUROU 32,4 MILLÓNS DE EUROS E RECIBIU
50.565 RESES, UN 52,7% E UN 12% MÁIS, RESPECTIVAMENTE, MENTRES QUE NO
PRIMEIRO CUADRIMESTRE DESTE ANO AUMENTOU RESPECTO AO MESMO PERÍODO
DO ANO ANTERIOR UN 38,6% AS SÚAS TRANSACCIÓNS E UN 19,8% A SÚA
CONCORRENCIA - O DIRECTOR DA CENTRAL E VICEPRESIDENTE DESTA ASOCIACIÓN ESPAÑOLA DE
MERCADOS DE GANDO, RICARDO DURÁN, FOI O ENCARGADO DE CONDUCIR A
REUNIÓN, A CAL TIVO LUGAR ONTE EN LEÓN - ANALIZÁRONSE OS DATOS DE TODOS OS MEMBROS, CONSTATÁNDOSE QUE A
AFLUENCIA DE ANIMAIS É ESTABLE OU Á ALZA NOS DIFERENTES MERCADOS,
ADEMAIS DE ACORDAR REDUCIR A APORTACIÓN ANUAL DE CADA MERCADO DEBIDO
Á BOA SITUACIÓN ECONÓMICA DA ENTIDADE E VALORAR A RELACIÓN DESTA COA
ASOCIACION EUROPEA
Silleda, 29 de abril de 2023.- A Asociación Española de Mercados de Gando
(ASEMGA) celebrou onte en León a súa asemblea xeral.
Ricardo Durán, director da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA e vicepresidente
de ASEMGA, foi o encargado de conducir a reunión, xa que desde novembro de
2021, cando se aprobou a renovación rotatoria da xunta directiva, e ata decembro do
pasado ano, seguiu exercendo as funcións de presidente da entidade á espera de que
o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación fixese efectiva esa renovación.
Así pois, informou sobre a xestión da Asociación durante ese período e tamén sobre o
desenvolvemento da Asemblea Xeral da Asociación Europea de Mercados de Gando
(AEMB), celebrada en Bruxelas en decembro de 2022 e na cal Durán foi nomeado
presidente desta entidade europea. Así mesmo, na asemblea de onte analizouse a
relación da AEMB con ASEMGA, a cal ostenta agora a presidencia desta asociación
europea.
Ademais, co apoio de Julio Pérez, secretario administrativo de ASEMGA e
coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, informouse sobre a
actividade de cada mercado en 2022 e no primeiro cuadrimestre de 2023, poñéndose
de manifesto que a afluencia de animais é estable ou á alza nos mercados membros.
Neste sentido a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA expuxo o seu notable
crecemento en 2022, ao pechar o ano pasado cunha facturación de 32.430.068€, un
52,7% máis que o ano anterior, e unha asistencia de 50.565 reses, un 12% máis.
Respecto ao que levamos deste ano, neste período a Central Agropecuaria de Galicia
ABANCA de novo mostrou o seu crecemento, cun volume de transaccións durante os
catro primeiros meses do ano un 38,6% maior que no mesmo período do ano anterior,
con 12.403.868€, e unha concorrencia un 19,8% superior, con 17.671 reses.
Por outra banda, durante o encontro acordouse baixar a achega anual por parte dos
mercados membros á Asociación de 1.500€ a 1.000€, debido á boa situación
económica da entidade. Así mesmo, comunicouse a baixa do mercado de Medina del
Campo por cesamento de actividade.
Recoñecemento a antigos membro da xunta
Tras a celebración da asemblea, os asistentes mantiveron unha comida de
confraternidade á que se uniron dous antigos compañeiros, aos cales se lles rendeu
unha pequena homenaxe pola inestimable achega a ASEMGA. Estes son José Luis
Díaz, do mercado de Pola de Siero (Asturias), e Felipe Granados, do mercado de
Talavera de la Reina (Castela – A Mancha), os cales ostentaron, respectivamente, os
cargos de secretario técnico e secretario administrativo da Asociación desde a súa
creación en 1993 ata 2021 no primeiro caso e 2020 no segundo.
Central Agropecuaria e ASEMGA
A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, xestionada pola Fundación Semana
Verde de Galicia, forma parte de ASEMGA, agora xunto a outros seis mercados,
como son os de Castro Ribeiras de Lea, León, Pola de Siero, Salamanca, Santiago de
Compostela e Torrelavega. A excepción da Central e do mercado de Salamanca,
xestionado pola Deputación, o resto están dirixidos por Concellos.
ASEMGA ten entre os seus fins a promoción e defensa da función comercial dos
mercados e do papel dos mesmos na organización do mercado de gando e carne, en
particular a nivel do establecemento de prezos. Tamén a difusión da investigación
científica e a innovación, ademais da realización de actuacións en materia de
formación para os traballadores. ASEMGA é membro da Asociación Europea de
Mercados de Gando, con sede en Bruxelas.