A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA acadou en 2022 un 52,7% máis de facturación e un 12% máis de asistencia

Silleda, 27 de decembro de 2022.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, que segue mantendo a súa condición de única poxa informatizada de España e que celebrou hoxe a última sesión do ano, pechou 2022 cunha asistencia de 50.565 reses e unha facturación de 32.430.068€. Uns datos que superan moi amplamente tanto os de 2021 como os previos á pandemia, no ano 2019. E todo iso a pesar de que as poxas dos días 15, 22 e 29 de marzo deste ano non puideron celebrase ao non acudir animais debido ao paro que realizou o sector do transporte.

Así, as cifras da Central situáronse en canto a asistencia total ás súas poxas nun 12% máis que o ano pasado, cando concorreran 45.163 reses e un 9,7% máis que en 2019, xa que ese ano asistiran 46.100 animais nas súas tres categorías: vacún maior, becerros de recría e becerros carniceiros. En canto á facturación, supuxo un 52,71% máis que en 2021, cando se acadaran 21.235.772€, e un 78,2% sobre os 18.199.272€ en transaccións de 2019.

Por categorías, nos becerros de recría concorreron 29.718 reses, un 3,71% máis que en 2021, cando acudiran 28.656, e un 3,94% menos que en 2019, cando foran 30.938 animais. Unha evolución positiva respecto ao ano pasado e que se achega moito a cifras de 2019 pero que aínda non supera estas últimas debido a que o sector está a experimentar certo estancamento e tamén a algúns cambios, como o que afecta ao frisón, que supón que se leven menos animais desta raza ao mercado. Débese a que, por unha banda, entre os gandeiros está a aumentar o uso de seme sexado, co que se conseguen femias para a cría en detrimento dos machos que adoitan acudir á Central e, por outra, que hai unha tendencia nestes momentos que consiste en cruzar o frisón con azul belga para conseguir animais con mellor aptitude cárnica, o que supón tamén un menor número de frisóns nas poxas.

Sen embargo, as cotizacións nesta categoría si aumentaron de forma considerable, por unha importante demanda por parte dos cebadoiros, que queren responder á boa saída que está a ter a carne e ante a escaseza de becerros carniceiros. En canto ás transaccións, foron de 6.364.764€, un 19,58% máis que en 2021, cando ascenderon a 5.322.811€, e un 5,9% máis que en 2019, cando se situaron en 6.010.152€. Respecto aos seus prezos medios, en frisón soben un 19,94% respecto a 2021 e un 30% respecto a 2019 (de 87€ e 80€, respectivamente, a 104€), en cruces aumentan un 10,88% en comparación con 2021 e baixan un 3% en comparación con 2019 (de 255€ e 292€ a 283€) e en rubios soben un 2,76% en relación a 2021 e un 12,46% en relación a 2019 (de 378€ e 345€ a 388€).

No que se refire ao vacún maior, rexistráronse durante 2022 un total de 15.585 exemplares, un 33,78% máis que en 2021, cando foron 11.650 exemplares e un 57,6% máis que en 2019 cando concorreran 9.888. A súa facturación foi un 75,37% maior que en 2021, ao pasar dos 12.331.849€ de entón aos 21.626.770€ deste ano e tamén un 160% maior que en 2019, cando foran 8.313.009€. Este aumento tanto na asistencia como na facturación débese a tres factores. O primeiro deles é que está a dar os seus froitos o traballo que vén realizando a Central coa axuda dos servizos veterinarios para que os animais de calidades inferiores non pasen polo mercado e vaian directamente ao matadoiro, evitando así a estes animais de maior idade traxectos que inflúen no seu benestar, e conseguindo tamén eliminar reses de mala calidade en favor das de mellores categorías, co consecuente aumento de prezos medios. Mostra diso é que os animais de desvelle na Central representa xa unha porcentaxe moi baixa no conxunto da categoría, como se pon de manifesto na maioría de sesións e con rexistros tan reducidos como, entre outros, os 3 exemplares nas poxas do 1 de febreiro ou 1 de marzo; os 4 animais nas do 29 de novembro ou 8 febreiro; ou os 5 exemplares nas do 28 de xuño ou 5 de abril.

O segundo dos factores é que este incremento da calidade seguiu atraendo en 2022 a novos compradores, entre eles doutras comunidades como Madrid ou Asturias, os cales contribuíron a aumentar os prezos pola maior demanda e, consecuentemente, atraeu á súa vez a máis gandeiros que acoden para vender o seu vacún maior. O terceiro é a gran demanda que segue existindo en restauración e hostalería de carnes maduradas por parte dos consumidores finais.

Así, a súa cotización media ascendeu un 29,91% respecto a 2021 e un 63,8% respecto a 2019. Por categorías, o prezo da Extra sitúase en 2.037€/unidade, o cal supón un 8,42% máis que en 2021 (cando foran de 1.879€/unidade) e un 14,43% máis que en 2019 (ascendera a 1.780€/unidade), mentres que o de Primeira alcanza a 1.157€/unidade, un 2,93% máis que en 2021(con 1.124€/unidade) e un 6% máis que 2019 (situábase na 1.091€/unidade). En canto a Segunda, o prezo medio é de 765€/unidade, un 5,66% máis que en 2021 (fora de 724€) e un 5,95% máis que en 2019 (situábase en 722€/unidade), e respecto a Desfeito mantense na 466€/unidade, igual que en 2021, e un 2,19% máis que en 2019 (ese ano situáronse en 456€/unidade).

Respecto aos becerros carniceiros, a súa asistencia situouse en 5.262 reses, aumentando un 8,34% respecto a 2021, cando acudiran 4.857 exemplares, e cifras practicamente iguais a 2019, xa que entón concorreron 5.274 animais. Uns datos que reflicten a escaseza destes animais debido a que no verán moitos gandeiros, ante a incerteza provocada polos prezos dos insumos, vendeu os becerros máis pequenos, entre 3 e 5 meses, e non os cebou nas súas granxas.

En canto ás súas transaccións, situáronse en 4.438.534€, un 23,94% máis que os 3.581.112€ facturados en 2021 e un 14,5% máis que os 3.876.111€ de 2019. A súa cotización media foi un 15,81% maior. Por categorías, os frisóns, rexistraron un prezo medio de 614€/unidade, un 18,9% máis que en 2021 (cando fora de 517€/unidade) e un 39,5% máis que en 2019 (situouse en 440€/unidade). Pola súa banda os rubios e cruces, situáronse en 1.001€ e 904€ respectivamente. En canto aos primeiros, o prezo medio aumentou un 14,66% respecto a 2021 e 2019 (fóra de 873€/unidade ambos os anos), mentres que nos segundos aumentou un 14,54% respecto a 2021 (fosen 789€/unidade) e un 12% respecto a 2019 (foran 807€/unidade).

Numerosos récords históricos

Este ano a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA superouse en numerosas ocasións en canto ás súas cotizacións, ademais de facelo en asistencia nunha das súas categorías. Así, a súa facturación conxunta nunha sesión alcanzou récords ata en seis ocasiones, o último deles no mes de xuño, con 977.268€.

En vacún maior, superou varias veces este ano a súa máxima facturación, chegando no mes de maio a 735.809€ nunha sesión na que tamén alcanzou a maior cifra de asistencia desta categoría na Central, con 510 reses. Ademais, situou o seu prezo medio máis alto nos 1.669,74€ alcanzados nunha sesión de abril, e rexistrou o maior prezo pago por un exemplar na historia do mercado cos 10.469€ alcanzados por un boi en marzo.

En canto a becerros carniceiros, este mesmo mes de decembro establecéronse récords absolutos no volume de transaccións, con 155.918 €; en prezo medio, con 1.054,92€ e no maior prezo pago por un exemplar desta categoría, un becerro macho que foi adquirido por 1.799€.