Novos récords históricos na categoría de vacún maior da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA

Silleda, 1 de marzo de 2022.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA superou unha vez máis o seu récord absoluto en canto ao prezo pagado na súa poxa por un exemplar de vacún maior. Se xa o fixo o ano pasado en varias ocasións e tamén o pasado 15 de febreiro, hoxe volveu rebasar a cantidade máxima pagada por un animal desta categoría. Así, esta mañá un boi de raza mestiza foi adquirido por 10.469€ por Frigoríficos Bandeira (Silleda), superando os 9.927€ pagados por outro boi o pasado 15 de febreiro. Este exemplar, que ostenta agora o récord da Central, naceu en abril de 2017 e era propiedade dunha explotación de Maside (Ourense).

Por outra banda, e tamén tras superarse tanto varias veces o ano pasado como en febreiro deste ano, hoxe a Central acadou un novo récord histórico no prezo medio da categoría de vacún maior nunha sesión da Central. Así, se o pasado 8 de febreiro se situou nos 1.500,21€, hoxe chegou ata os 1.604,44€.

Estas marcas están motivadas, unha vez máis, pola cada vez maior calidade dos exemplares de vacún maior que acoden ao mercado.