Récord histórico no prezo dun exemplar de vacún maior, con 9.927€

Silleda, 15 de febreiro de 2022.- A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA superou o ano pasado en varias ocasións o seu récord absoluto en canto ao prezo pagado por un exemplar na categoría de vacún maior. Hoxe volve rexistrar un récord histórico, cun boi adquirido por 9.927€ pola empresa portuguesa Serragados Comércio de Gado, cantidade que supera os 8.579€ que ata hoxe supoñían o máximo prezo e que foron pagados por outro boi o 16 de novembro do ano pasado.

O animal que ostenta agora o récord é un boi de raza Minhota nacido en xullo de 2016 e propiedade de Ganadería Villanustre, do lugar de As Travesas (Carral), unha explotación que se dedica a criar e cebar bois e que nestes momentos conta con 275 exemplares de diversas razas nas súas instalacións. O propietario desta gandería, que dende fai anos compra becerros de cebo na Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, incorporouse a semana pasada como vendedor na categoría de vacún maior deste mercado.

Por outra banda, a Central rexistrou hoxe unha facturación de 444.011€ na categoría de vacún maior, a segunda maior cifra desta categoría, soamente por debaixo dos 457.076€ do 16 de novembro do ano pasado que marcan o récord absoluto.