Ricardo Durán, director da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, nomeado en Bruxelas presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando

Silleda, 9 de decembro de 2022.- O director da Fundación Semana Verde de Galicia e a Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foi nomeado onte presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB).

A elección, que tivo lugar en Bruxelas na Asemblea Xeral desta entidade, produciuse a proposta do presidente saínte, o francés Gilles Rousseau, e a través de votación a man alzada dos representantes das asociacións nacionais membros.

Estivo enmarcada na renovación da xunta directiva da Asociación, a cal se leva a cabo cada dous anos e supón que Durán estarán no cargo ata finais de 2024. Ata entón acompañarano na xunta directiva da AEMB o neerlandés Andries Kingma como vicepresidente primeiro e o francés Debray como vicepresidente segundo, ademais de contar como vogais con Joseph Jouant, de Bélxica; Hommelhoff, de Dinamarca; Williams, de Irlanda, e Harisson Boyd, de Irlanda do Norte.

Durán acudiu á reunión tanto en calidade de vicepresidente primeiro da AEMB como de vicepresidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), cuxos datos deu a coñecer na asemblea. Así, informou de que os mercados españois en 2021, ano no que se produciu aínda unha apertura graduada debido á pandemia, rexistraron 418.144 cabezas de gando, un 22,32% máis que en 2020. Así mesmo, trasladou que para este exercicio de 2022 a previsión é que se recuperen cifras de asistencia de 2019, cando concorreran 487.498 reses. Respecto ás cotizacións, destacou os altos prezos que están a acadar en todos os mercados os bovinos adultos e en xeral aqueles animais presentados en boas condicións de carne, ademais das cotizacións récord dos becerros de sacrificio inferiores a 1 ano, debido á escaseza deste tipo de animais nas ganderías de proximidade.

Ademais, tamén como representante de ASEMGA, propuxo que a Asociación Europea de Mercados de Gando non permaneza na Unión Europea do Comercio de Gando e Carne (UECBV), da que forma parte, se non se produce unha mellora nos servizos que vén prestando esta última. Unha postura que foi apoiada polos representantes de Francia e Irlanda do Norte e sobre a que os mercados asociados manterán a semana que vén unha reunión telemática na que se decidirán as liñas para seguir de forma unida respecto aos servizos que debería prestar a UECBV e as cotas anuais a pagar a esta entidade, que se entende deberían ser en función dos volumes de asistencia actuais dos mercados asociados.

Nesta asemblea xeral Durán estivo acompañado do secretario administrativo de ASEMGA e coordinador da Central Agropecuaria de Galicia ABANCA, Julio Pérez, ademais dun delegado do Mercado de Santiago de Compostela, Antonio Barreira, e un acompañante do mesmo, Antonio Cudeiro.

Visita ao mercado de Ciney

Esta mañá os participantes na asemblea xeral da AEMB visitaron o mercado de gando de Ciney. Construído en 1985 e cunha concorrencia de 104.115 animais no ano 2019, é o maior de toda Bélxica e céntrase na raza Branco Azul Belga.