Un boi de raza Rubia Galega marca o sexto mellor prezo histórico da Central: 9.070 euros

A Central Agropecuaria de Galicia ABANCA rexistrou hoxe o seu maior volume histórico de transaccións na categoría de becerros de recría, acadando 248.862€ (a anterior marca do mercado estaba nos 241.294€ do 1 de agosto do ano pasado). Unhas transaccións motivadas pola gran asistencia de animais desta categoría (924 exemplares que supuxeron a maior concorrencia no que levamos de 2024), a cal á súa vez está relacionada coa suspensión da poxa de becerros de recría da semana pasada consensuada entre a Central e tanto os principais operadores do mercado como os que trasladan animais a outras comunidades autónomas (convida por unha banda, pola necesidade expresada por estes operadores de regularizar os días de compra de gando para mellorar a súa operatividade e, por outra, pola histórica asistencia reducida ao mercado en distintas datas debido a diversas festividades, entre elas o pasado martes de Entroido).

Así mesmo, hoxe rexistrouse o sexto maior prezo acadado por un exemplar de vacún maior na Central, un boi de raza Rubia Galega, nacido no ano 2018 e pertencente a unha explotación de Silleda (Pontevedra), o cal foi adquirido por 9.070€ por Cárnicas Champam.